Para festexar o Día da Paz este ano fixemos un par de actividades moi diferentes no noso centro.
O alumnado de 3º a 6º asistiron a unha charla no noso salón de actos impartida por Carlos e Roberto, dous expertos colombófilos do Club de Colombofilia Pombas do Salnés. Eles explicáronnos moitas cousiñas interesantes sobre este deporte e ensinárononos a mirar as pombas doutra maneira. Eles fai anos que crian pombas para competir por toda España, pero o mais importante é o agarimo e o respecto con que falaban delas. Contárononos ademais anécdotas sobre dúas delas, unha que xa é velliña pero que segue con eles porque é a que iniciou a familia de pombas que ten Carlos na súa horta. Outra que non apoiaba ben unha das patas débese a que foi ferida gravemente por un falcón pero ainda así voltou á casa onde con paciencia e agarimo a conseguiron salvar.
Os nenos e nenas nin pestañexaban e cando tiveron a ocasión de intervir fixeron moitísimas preguntas moi interesantes e que os colombófilos contestaron demostrando canto saben sobre as pombas.
Tamén nos trouxeron un vídeo cheiño de fotos e explicacións.
Finalmente todo o colexio saímos ao patio para ver un espectáculo marabilloso, unha solta de mais de cen pombas que comezaron a facer círculos sobre as nosas cabezas e que tardaron un bo anaco en atopar o camiño de volta a casa pero eso si, sen separarse a bandada en ningún momento.
Grazas Carlos e Roberto polo voso tempo e por traer toda esta información ao colexio!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario.